•  Inicio / Coñécenos / Curtis e a súa comarca


    O concello de Curtis atópase no centro de Galicia no límite oriental da provincia de A Coruña e forma parte, xunto con outros dez concellos, da comarca de Betanzos. Está adscrito ó partido xudicial de Betanzos e á diocese de Santiago de Compostela.

    O municipio limita ó Norte cos concellos de Oza dos Ríos e Aranga, ó Leste co concello de Guitiriz (Lugo), ó Sur con Sobrado e Vilasantar, e ó Oeste con Mesía e Cesuras.

    Exténdese o concello por 117,5 quilómetros cadrados, distribuídos en catro parroquias, Santa María de Fisteus, Santa María de Foxado, Santa Eulalia de Curtis e Santa María de Lourdes, que acollen a unha poboación total próxima ós 4.400 habitantes. A capital municipal é Teixeiro.

    A altitude media á que se atopa o concello sitúase entre os 450 e 554 metros sobre o nivel do mar, sendo o punto máis alto o Monte Enxameado con 610 metros.

    A nivel de comunicacións, a autovía A-6 e a N-VI pasan preto do concello, a N-634 cruza o concello de este a oeste e comunicanos con Santiago. Precisamente desta sae a vía AC-840 que nos comunica coa Coruña, Lalín e Ourense.

    ¿Como chegar?



    Do mesmo xeito, a situación xeográfica do municipio facilita un acceso rápido á capital da provincia de Lugo, situada a uns 60 km.

    Na seguinte táboa pódese observar a distancia quilométrica que separa o concello das principais cidades galegas:

    DISTANCIA POR ESTRADA COAS PRINCIPAIS CIDADES GALEGAS
    A Coruña 51 km
    Ferrol 62 km
    Lugo 61 km
    Ourense 112 km
    Pontevedra 108 km
    Santiago 51 km
    Vigo 133 km

    No referinte ó transporte ferroviario, o concello é atravesado de Oeste a Nordeste pola liña que pasa por Monforte e que une A Coruña e Ferrol con Madrid, tendo sendas estacións en Curtis e en Teixeiro, onde tamén fan parada os trens rexionais Coruña-Lugo.

    En canto á morfoloxía das terras, caracterízase por unha extensa superficie chá que se vai rompendo canto máis cara ó leste nos situemos, debido a que nesta zona se atopa a Serra da Cova da Serpe, lindeiro físico coa provincia de Lugo. Outros cumios son o monte da Graña, con 578 metros, ou o Monte Enxameado, con 610 metros. Estas zonas montañosas dividen as tres cuncas hidrográficas deste territorio.

    A rede fluvial é moi densa. Os regueiros que nacen ó pé da Serra da Cova da Serpe e nas terras do centro dan lugar ó río Mandeo e o Deo, as augas do sur van ós afluentes da cabeceira do río Tambre e na parte máis oriental do concello temos o paso do río Mendo.

    A súa paisaxe e vexetación está marcada polos pequenos prados, cercados, xeralmente, por valos, que serven para pacer o gando vacún. Tamén abundan os eucaliptos e os piñeiros.